Explicación do día
Os Sacramentos son signos visibles que fan presente unha realidade invisible. Esa realidade invisible non é outra có mesmo Deus.
Os Sacramentos son sete, pois sete son as experiencias fundamentais nas que Deus quere saír ao encontro do home: nacer (Bautismo), paso á vida adulta (Confirmación), o namoramento (Matrimonio) e a consagración ao servizo da comunidade (Orde), o cotián da vida crente (Eucaristía), o fracaso (Penitencia) e a loita contra a enfermidade (Unción).
Actividade
Mercaderes tramposos
Nestes tempos que corren un non se pode despistar, necesito a vosa axuda. Un falsificador moi coñecido está intentando venderme falsificacións, axúdame a descubrir algún engano que o deixe en evidencia. Busca en cada cadro os tres erros que disque este falsificador sempre comete.
Oración
Bautismo de San Cenobio (Boticcelli, 1495-1500)
(Antes de comezar a oración, se podes, prende unha candea e coloca ao seu lado un vaso con un pouquiño de auga.)
Comezamos a oración no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Aquí temos dous símbolos moi importantes do sacramento do Bautismo, a auga e a luz. A auga límpanos do pecado e a luz enche o noso corazón coa fe. Polo bautismo comezamos a formar parte dunha gran familia, a igrexa, a familia dos que queremos chamar Deus, PAI. Polo Bautismo somos tamén chamados a ser Santos.
Lectura do evanxeo:
“Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.” (Mateo 3, 16-17)
Explicación: O día do noso bautismo, Deus pronuncia estas mesmas palabras referidas a cada un de nós. “Ti es o meu fillo amado, a miña filla amada”. Deus é Pai e Nai para cada un de nós.
Silencio (Repetimos para nós estas palabras que Deus nos di a cada un).
Introdución ás oracións:
No día do noso bautismo, os que fomos bautizados, os nosos pais recitaron unha oración na que lle pedían a Deus que nos ame, que nos protexa e que nos guíe na vida, como Pai noso que é. Hoxe, podemos repetir nós mesmos parte desa oración e tamén podemos dar grazas ás nosas familias por nos facer este regalo do bautismo, ou en todo caso, bautizados ou non, o regalo mesmo de estar coñecendo mellor a Xesús e o gran amor que Deus nos ten. Respondemos a cada oración: Escóitanos, Pai.
Oracións
- Pedímosche Señor que sempre vaiamos da túa man para que nos guíes polo camiño do ben, da felicidade plena e da espiritualidade. Escóitanos, Pai.
- Pedímosche Señor, con moita fe e esperanza, que nos protexas da inseguridade, da inxustiza, da desigualdade e dos abusos. Escóitanos, Pai.
- Pedímosche Pai que sempre esteamos dispostos a recoñecer aos que necesitan axuda e tamén a forza para axudar a quen nos necesite. Escóitanos, Pai.
- Pedímosche Señor polas persoas que perden a fe e a esperanza, para que saibamos axudalos a que se acheguen a Ti. Escóitanos, Pai.
- Grazas Señor, polo sacramento do bautismo, que limpa o noso corazón e enche a nosa alma e grazas por aqueles que fan posible que te coñezamos mellor. Grazas, Pai.
Rezamos xuntos o Noso Pai
Noso Pai que estás no ceo
Santificado sexa o teu nome
Veña o teu Reino
E fágase a túa vontade
Aquí na terra coma no ceo
Danos hoxe o noso pan de cada día
Perdoa as nosas ofensas
Como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido
Non nos deixes caer na tentación
Mais líbranos do mal
Amén
Rematamos a oración no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Para a actividade "Mercaderes tramposos".
Se, ao descargar a aplicación no móbil, non aparece directamente o xogo, cómpre picar na lapela "código" e introducir o número correspondente: 433537.
Recordades o Santo Grial do noso Museo?
Mira que atopamos reliquias ese ano...