Explicación do día
As obras de misericordia son 14 accións caritativas a través das cales axudamos ao próximo.
(© Mati. Colectivo Campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol, 2020)
“Hai momentos nos que dun modo máis intenso estamos chamados a ter a mirada fixa na misericordia para poder ser tamén nós mesmos signo eficaz da obra do Pai. É por isto que anunciei un Xubileo extraordinario da Misericordia como tempo propicio para a Igrexa, para que se faga máis forte e eficaz a testemuña dos crentes” (Misericordiae Vultus, Papa Francisco). Con estas palabras comeza a Misericordiae Vultus (o rostro da misericordia) que é a bula (documento papal con motivo da convocatoria dun ano extraordinario) coa que se nos chamaba a celebrar o ano xubilar da Misericordia. Foi publicada o 11 de abril do ano 2015, e nela confírmase o inicio do xubileo o 8 de decembro dese mesmo ano, coincidindo có quincuaxésimo aniversario da clausura do Concilio Vaticano II e a súa conclusión o 20 de novembro do ano 2016. O campamento sumouse a esta grande celebración da Igrexa Universal e as portas do Ministerio do tempo abríronse en Mondoñedo para acoller aos nosos axentes que a través de moitas misións e aventuras aprenderon que a misericordia é o máis importante a hora de axudar aos amigos e de desarmar aos inimigos.
Hai multitude de textos tanto no vello coma no novo testamento que falan da misericordia de Deus. A motivación para a misericordia cristiá, non é simplemente solidariedade, é a fe: Cristo está no necesitado. Deus non nos vai preguntar cantos rosarios rezamos ou a cantas misas fomos, senón, cantas veces eu tiven fame e me viñeches dar de comer? Cando me botaron da miña casa, ti que fixeches?. Xa nos textos xudeus facíase fincapé en que non abondaba con quedarse na esmola: hai que ir máis alá. No Antigo Testamento Deus misericordioso abáixase para achegarse as ser humano, que o necesita. No Novo, Deus misericordioso déixase ferir (conmovéronselle as entrañas) pola necesidade do ser humano. Misericordia en latín significa ter corazón para os pobres ou para as cousas pobres que hai en min.
As obras de misericordia son accións caritativas mediante as que axudamos ao noso próximo nas súas necesidades corporais é espirituais (catecismo Igrexa católica n.2447). Aluden á fe trinitaria: evocan a esencia e presenza do Deus misericordioso; centran a fe en Cristo, presente nos pequenos e recordan a presenza, forza e gracia do Espírito. Oriéntannos cara a Deus e cara aos irmáns, nos que nos atopamos con Cristo mesmo. Xesús quere abrirnos os ollos para que vivamos aquí e agora, de xeito que o seu espírito de Misericordia nos empape; así logo, tratarémonos con misericordia a nós mesmos e aos demais. As obras de misericordia buscan axudar, pero tamén dignificar: eu comparto contigo porque somos iguais (non se da para fomentar a mendicidade). As obras de misericordia son catorce, sete espirituais (ensinar ao que non sabe, dar bo consello ao que o precisa, corrixir ao que erra, perdoar a quen nos ten ofendido, consolar ao triste, sufrir con paciencia os defectos dos demais e rogar a Deus polos vivos e os defuntos) e sete corporais (visitar aos enfermos, dar de comer ao famento, dar de beber ao sedento, dar pousada ao peregrino, vestir ao espido, visitar aos reclusos, enterrar aos mortos).
Durante esta xornada do campamento, queremos invitarvos a todos a realizar polo menos unha obra de misericordia.
Actividade
Memorie
Tarxetas xogo de memoria das Obras de Misericordia
(© Mati. Colectivo Campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol, 2016)
Na seguinte actividade propoñémosvos crear e despois xogar co voso propio xogo de memoria das Obras de Misericordia.
1. Imprimide o arquivo (memorie Obras de Misericordia), mellor nunha cartolina. Recortade con coidado cada unha das 28 fichas para xogar ao memorie. Se preferides, podedes debuxar as vosas propias 28 tarxetas (dúas por cada obra de misericordia) tomando como referencia este modelo (modelo memorie).
2. Unha vez teñades preparadas as vosas 28 tarxetas, colocádeas mesturadas e boca a baixo enriba da superficie de xogo. Seleccionade quen comeza a xogar. No caso de xogar un só, a mecánica do xogo será a mesma, pero deberás xogar contra o reloxo.
Normas do xogo:
O primeiro participante selecciona e voltea dúas tarxetas. Se son diferentes, debe colocalas de novo boca abaixo e a quenda pasará ao seguinte xogador. Se son iguais, garda esas dúas tarxetas e selecciona de novo outras dúas tarxetas. Procédese exactamente igual que co primeiro par de tarxetas xiradas. O xogo remata cando non quedan tarxetas sobre a mesa. O gañador será aquel que consiga máis tarxetas.
Se xa dominas as normas e tes todo preparado, ¡a xogar!
Aqueles que non teñan tempo ou medios para preparar o seu propio memorie, poden xogar coas Obras de Misericordia neste enlace.
Oración
Comezamos a oración no Nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Agora lemos un texto que fala das obras de misericordia:
Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita: "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver". Entón preguntaranlle os xustos: "Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?" O rei contestaralles: "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo". (Mateo 25, 31-40)
Cada vez que facemos unha obra de misericordia hai menos xente difícil e máis xente con corazón, por iso pedimos a Deus que nos axude a poñela en práctica durante este campamento e nas nosas vidas.
Rezamos o Noso Pai
Noso Pai que estás no ceo
Santificado sexa o teu nome
Veña o teu Reino
E fágase a túa vontade
Aquí na terra coma no ceo
Danos hoxe o noso pan de cada día
Perdoa as nosas ofensas
Como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido
Non nos deixes caer na tentación
Mais líbranos do mal
Amén
Rematamos a oración no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
Para a actividade "Memorie".
Se, ao descargar a aplicación no móbil, non aparece directamente o xogo, cómpre picar na lapela "código" e introducir o número correspondente: 842200.
Eu xa teño o record en 1:19 e baixando.
Mati artistaza!!!
A que no sabéis quien va ganando... jejejeje