top of page
Buscar
campadiocesano

Día 1 - A Creación

Explicación do día


Alo polo ano 2011 tivemos no noso campamento unha escola de arte, a prestixiosa “Academia Da Vinci”, a través da cal todo o alumnado puido aprender todos os segredos relacionados coa creación, tanto entendida dun xeito artístico como humano.


Durante esta época de confinamento, se algo quedou claro é que as artes son necesarias para que sigamos sendo seres humanos. No momento en que quedamos encerrados nas nosas casas, aproveitamos para ler libros e cómics, debuxar e pintar, ver unha morea de películas e series de televisión, xogar a videoxogos, escoitar novos estilos de música e, incluso, para coller de novo ese instrumento musical que tiñamos abandonado no garaxe ou no faiado.


Todas esas actividades, aínda que diversas, teñen un punto en común: todas están relacionadas coa arte, coa creación, co poder da nosa imaxinación e das nosas mans para lograr resultados magníficos e orixinais. O mesmo pasa coas nosas vidas. Cando Deus crea o mundo, faino para que a súa grande obra estea chea de matices, cores, harmonías e xiros de guión. E faino para que nós sexamos os protagonistas desa creación.


Se falamos de artes visuais clásicas aplicadas á nosa vida, a través da arquitectura establecemos os cimentos da nosa personalidade, buscando os apoios que precisamos para ir medrando con seguridade. Coa escultura aprendemos a moldearnos, a adaptarnos a diferentes situacións para lograr os nosos obxectivos vitais. Por último, a pintura serve para que nos deamos conta de que a vida está conformada por diferentes cores, luces e sombras, e que todo iso serve para aprender e madurar.


No tocante ás artes escénicas e literarias, a poesía fálanos de que o noso mundo está cheo de sentimentos, a danza e o teatro ensínannos a traballar en comuñón e a música axúdanos a comprender o concepto de harmonía, o feito de lograr un resultado positivo unindo os nosos diferentes dons e virtudes.


Por último, tamén falamos doutras artes máis contemporáneas, como o cine, que nos amosa os diferentes episodios polos que pode pasar a nosa vida, ou o videoxogo, que nos lembra que somos nós os protagonistas principais desa vida.

Imos, pois, iniciar esta obra de dez días, este campamento diferente pero co mesmo espírito de sempre. O obxectivo non é sinxelo, pero merece a pena: que poidamos crearnos a nós mesmos de novo para lograr perfeccionar o que serán as nosas vidas a partir de hoxe.


 

Actividade


OBRADOIRO DE CANCIÓNS


Hoxe, como é o primeiro día, imos lembrar algunhas das cuestións básicas para pasalo ben nun campamento. Está claro que temos momentos de xogo, de oración, de actividades na natureza e moitas outras cousas, e todas elas se poden acompañar coa música. Por iso, imos facer un pequeno obradoiro de cancións para que poidades facer as vosas composicións da mellor maneira. Ides pasalo xenial!


  1. Antes de abrir o vídeo, tede a man un lapis ou bolígrafo e unha libreta para ir apuntando algunhas cousiñas.

  2. Lembrade que podedes parar o vídeo e rebobinar sempre que así o precisedes.

  3. Unha vez teñades feito o que che pide o video, ensaiade a vosa canción ata que vos saia ben.

  4. Se queredes, gravade a canción cun móbil e mandade o resultado final ao correo campadiocesano@hotmail.com. Tamén, se non queredes deleitarnos coa vosa voz, podedes mandar o voso texto, acompañado do título da canción á que fai referencia.



 

Oración


  • Comezamos a oración no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.


  • Lemos en primeiro lugar un breve fragmento do libro da Xénese, que fala da creación do mundo:

No principio creou Deus o ceo e a terra. A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas. Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras. A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana”.

  • A continuación, lemos o comezo do Evanxeo de San Xoán:

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado”.

  • Escoitamos e vemos, por último, un conto de Jorge Bucay que fala sobre a creación aplicada ás nosas vidas, ao que podemos facer se nos somos os protagonistas das nosas vidas, coa responsabilidade que iso conleva:


  • Canción: Deluxe - “Ver en la oscuridad”


  • Oración Noso Pai

Noso Pai que estás no ceo

Santificado sexa o teu nome

Veña o teu Reino

E fágase a túa vontade

Aquí na terra coma no ceo

Danos hoxe o noso pan de cada día

Perdoa as nosas ofensas

Como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido

Non nos deixes caer na tentación

Mais líbranos do mal

Amén


  • Reflexión: Que todo isto nos sirva para vivir doutro xeito a partir do día de hoxe, sabendo que somos os protagonistas das nosas vidas, os responsables últimos da nosa propia creación.


  • Rematamos a oración no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

124 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page